As mulleres que nos levaron á Lúa

O 21 de xullo de 1969 o primeiro ser humano puxo un pé na lúa, un fito que marcou un antes e un despois na historia da navegación espacial. Os nomes dos tripulantes do Apolo XI quedarían para a posteridade. Con todo, detrás desta proeza da que se conmemoraron os cincuenta anos en xullo de 2019, atópase o traballo dun equipo de persoas que tiña un único soño: alcanzar a Lúa.

Coñeces algunhas das mulleres que nos levaron á Lúa? Poida que non, porque o cinema e a literatura sempre se centrou na figura dos astronautas e tampouco aparecen nos libros de texto. Nesta exposición mostrámosvos algunhas das mulleres (Annie Easley, Rita Rapp, Frances Northcutt…) claves no éxito da misión do Apolo XI e na posterior conquista do espazo. Sen ese equipo de persoas que estudaron, calcularon e comprobaron unha e outra vez que todo funcionase á perfección, hoxe non estariamos a falar da próxima misión á Lúa ou da conquista de Marte.

Estas mulleres, que permaneceron invisibilizadas durante moito tempo, deben saír á luz para servir de modelos ás novas xeracións, xa que non se pode querer ser o que non se coñece.

Esta exposición está formada por 12 pósteres, tipo roll up, sobre mulleres cun destacado papel na conquista do espazo. De cada protagonista, a exposición recolle información da súa vida, de cales foron as súas achegas e dos recoñecementos que recibiu tanto en vida como posteriormente. A través dos roll up, o público pode coñecer a aquelas mulleres que desde a sombra axudaron a que a humanidade puxese un pé na lúa e este pensando na próxima viaxe a Marte.

A exposición é gratuíta e se desexa expoñela no seu centro ha de seguir as intrucciones que se mostran máis abaixo.

Condicións de préstamo

1. A exposición préstase @gratuitamente por un tempo negociable, aínda que o período aconsellado é de dúas semanas. As peticións atenderanse por orde de solicitude.

2. Os exhibidores comprométense a garantir que o acceso á exposición sexa gratuíto.

3. Os exhibidores acordarán a forma de recollida e devolución coas organizadoras da exposición de eXXperimenta en feminino

4. Os exhibidores deberán montar e desmontar a exposición e facerse cargo dos gastos de montaxe, desmonte, mantemento e almacenaxe, se os houbese.

5. Os exhibidores estarán obrigados a velar en todo momento pola conservación da exposición. En caso de deterioración da mesma, o exhibidor terá que facerse cargo dos custos de reimpresión dos materiais danados.

6. Nas accións de divulgación ou difusión (prensa, radio, web…) débese facer mención da unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, da Deputación de Ourense e de eXXperimenta en feminino.

7.  Unha vez finalizada a exposición, o exhibidor comprométese a encher o formulario de avaliación e achegar nel, na medida do posible, o número de persoas que accederon á exposición.

8. A organización de eXXperimenta en feminino resérvase o dereito de suspender o préstamo e retirar o material prestado se no transcurso do período de préstamo ocorresen alteracións nas condicións da exposición, así como por calquera outra causa que puidese producir un prexuízo material ou moral.

Solicitude da exposición

A solicitude da exposición realizase a través do seguinte formulario de solicitude.