E ti, que científicas coñeces?

A Lúa está furada por miles de cráteres e desde a Terra puxémoslle nome a case 1600, para iso elixíronse nomes de deuses e deusas, pero tamén nomes de personaxes científicas, exploradores, enxeñeiros ou filósofos que destacaron polas súas obras. En 2023, deses case 1600 nomes tan só 32 honran a mulleres reais. A representación feminina apenas se achega ao 2%, desafortunadamente, a invisibilización presente dentro do mundo da ciencia terrestre extrapólase á orografía selenita.

Con este libro agardamos achegar a ciencia feita por mulleres á nosa rapazada, tan falta de referentes. Esperamos que esperte a súa curiosidade por saber máis da ciencia e, en especial, da ciencia feminina. E parafraseando o poema de Xohana Torres:


«Eu tamén navegar, investigar e innovar».

É preciso ter na nosa bancada de talentos científicos e tecnolóxicos os das mulleres e nenas. Se prescindimos delas nas carreiras científicas, estamos a comprometer a nosa capacidade de resolver problemas complexos.

Para a elaboración do devandito libro contamos coa ilustradora MeliMolita que se encargou de facer a maquetación do libro e coa financiación da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, e a Consellería de promoción de emprego e igualdade da Xunta de Galicia.

Descárgate o Libro