As mulleres que nos levaron ao espazo

Seguro que algunha vez oiches o nome de Neil Armstrong comandante da tripulación do Apolo XI. El foi o primeiro ser humano en poñer un pé na Lúa o 21 de xullo de 1969 e acompañábano nesa misión Edwin E. Aldrin Jr. e Michael Collins. Pero probablemente
non escoitaches falar das mulleres que fixeron posible este voo e descoñezas as contribucións de Judy Sullivan, Rita Rapp ou Annie Easley, por exemplo.
O cine e a literatura sempre nos contaron esa proeza dende a perspectiva dos astronautas. Pero a conquista do espazo non é exclusiva dos astronautas que chegaron á Lúa. Ademais, case poderiamos dicir que o seu papel é o menos importante. É certo que se necesita unha gran preparación física e mental para ser astronauta, amais de ter o valor necesario para meterse nun foguete cargado de explosivos que te leven cara ao descoñecido. Pero para pór un pé na Lúa foi necesario o traballo dun inmenso equipo de persoas que estudaron, calcularon e comprobaron, unha e outra vez, que a misión fose posible.
Este equipo estaba formado por persoas especialistas en enxeñaría, matemáticas,
física… Os cálculos das traxectorias de navegación tiñan que ser exactos sen erros de ningún tipo, pois a vida dos astronautas estaba en xogo. E lembremos que hai máis de sesenta anos, cando se iniciaron os programas espaciais, os computadores aínda se atopaban en desenvolvemento.
Neste libro amosámosvos algunhas das mulleres claves no éxito da misión do Apolo XI e na posterior exploración do espazo. Elas calcularon as traxectorias de voo, programaron os primeiros computadores, descubriron o combustible dos foguetes e deseñaron o interior dos transbordadores, entre outras moitas cousas.
Sen elas, hoxe non estariamos falando da próxima misión á Lúa ou de poñer un pé en Marte. Con este libro queremos darlles referentes ás novas xeracións, xa que non se pode querer ser o que non se coñece.
Para a elaboración do devandito libro contamos coa ilustradora MeliMloita que se encargou de facer as ilustración e a maquetación do libro e coa financiación da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, a Deputación de Ourense, Tecnópole e a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do Campus de Ourense.