eXXperimenta en feminino no Campus

Nove anos celebrando o Día da Muller e a Nena na Ciencia, eXXperimenta en feminino en colaboración coa Xunta de Galicia organizou de novo, o 20 de febreiro de 2026, as súas Xornadas de divulgación científica enchendo o Campus de Ourense, Campus Auga, de rapaces e rapazas da provincia de Ourense e de Pontevedra. Case 400 estudantes gozaron no Edificio Politécnico do Campus de Ourense de trece mesas onde se mostraron as investigacións e estudos que se fan no Campus de Ourense dunha maneira interactiva.

Ademais pola tarde contamos con Deborah García Bello,  investigadora en ciencia de materiais, escritora e divulgadora científica autora do blog de divulgación Deborahciencia, que nos ofreceu a súa charla Barbies e Robots.

Un ano máis e xa van oito, con motivo da celebración do Día da Muller e a Nena na Ciencia, eXXperimenta en feminino en colaboración coa Xunta de Galicia organizou o 14 de febreiro de 2025 as súas Xornadas de divulgación científica enchendo o Campus de Ourense, Campus Auga, de rapaces e rapazas dá provincia de Ourense e de Pontevedra.

A feira tivo lugar no Edificio Politécnico do Campus de Ourense onde trece mesas mostraron as investigacións e estudos que se fan no Campus de Ourense dunha maneira interactiva.

O pasado 16 de febreiro de 2024, con motivo da celebración do Día da Muller e a Nena na Ciencia, eXXperimenta en feminino en colaboración coa Xunta de Galicia organizou as súas VII Xornadas de divulgación científica de novo no Campus de Ourense. Nesta ocasión a localización da feira tivo lugar no Edificio Politécnico do Campus de Ourense. Unha vez máis, alumnado da provincia de Ourense e os seus arredores puideron ver a investigación que se leva a cabo no campus de Ourense con talleres científicos e tecnolóxicos. A experiencia foi un novo éxito.

A feira contou coa implicación dun amplo colectivo de persoal docente, investigador e alumnado da Facultade de Ciencias, da Escola Superior de Enxeñaría Informática e da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo deste campus co obxectivo de visibilizar o papel da muller no eido CTEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas) e atraer vocacións científicas a el, principalmente entre as nenas e rapazas.