Estudos realizados nos últimos anos constatan a baixa presenza feminina no ámbito STEM (Science, Technology, Engineering and Mathematics). Así, a pesares de que a nosa sociedade está inmersa nunha serie de retos (crise enerxética, crise climática, crise alimentaria…) que dependen dos avances que teñan lugar na Ciencia e a Tecnoloxía, as mulleres e nenas atopan barreiras importantes que dificultan a súa presenza na ciencia. Neste escenario, non podemos prescindir das achegas da metade da sociedade.


O Campus de Ourense da Universidade de Vigo (UVIGO) non é alleo a esta situación. En Ourense impártense tres enxeñarías e varias carreiras do ámbito científico. Hai disciplinas como a de Informática na que esta situación aínda é máis grave e as alumnas apenas chegan ao 15% do total, a pesares de ser unha das carreiras con maior empleabilidade. Un dos motivos que se atopa detrás desta brecha de xénero é a falta de referentes femininos nas disciplinas STEM, tanto a nivel educativo como social.


Pensando en todo iso, e seguindo a “Iniciativa 11 de Febreiro” que ten como obxectivo promover a realización de actividades que dean visibilidade á muller científica e impulsen o interese das nenas pola ciencia e a tecnoloxía, o profesorado feminino das carreiras STEM do Campus de Ourense da UVIGO impulsou eXXperimenta en feminino. O seu obxectivo principal é promover a visibilización das mulleres nas disciplinas científicas e tecnolóxicas e servir de polo de atracción de nenas e mozas cara á ciencia e as enxeñarías.


eXXperimienta en feminino naceu como unha actividade divulgativa na que se presentan talleres científicos e tecnolóxicos guiados por mulleres do Campus nos que pode participar o estudiantado non universitario. Ademais de presentar as actividades presenciais que se levan a cabo, está páxina pretende mostralas tamén de modo virtual.